30/9/08

Relatos gañadores

UNHA EXCURSIÓN ESPECIAL

Qué tal amigos? Somos nolos tres, si, o coñecido “Equipo A” e hoxe o noso curso vai de excursión á neve. Preguntarédesvos onde estamos, si? Pois estamos en Marte, na escola C.U.A. Camiño de Estatalá en Cucuculandia e, como vos dicía, imos facer unha excursión á neve.
-Todos ó autobús! Todos ó autobús! Di, emocionada, a profesora coa súa mochila de exploradora ó lombo.
Cando xa entraramos todos no autobús, o condutor arrancou. A viaxe foi ben ata que se estragou o automóbil e tivemos que facer a pé o camiño que nos faltaba para chegar ó noso destino, pero nolos tres: Andrea, Antía e Anxo, que son eu, fomos tragados por un burato negro e, fomos esvarando por el, ata que volvemos á supeficie. Comezamos a chamar pola profesora e polos compañeiros pero non nos respondía ninguén. Fomos camiñando e, polo aspecto que tiña o noso arredor, decatámonos de que foramos tragados polo animal máis raro do Universo: un dinosaurio con cabeza de elefante, corpo de can e rabo e patas de cabalo. Menos mal que eu levaba unha corda na mochila para xuntarlle, ou mellor dito atarlle, o esófago co corazón para provocarlle unha chispa que o ía matar, segundo dixo Andrea pola película que vira sobre animais. Puxémonos mans á obra, pero non era tan doado porque para chegar ata o corazón precisábamos unha escaleira e non a tiñamos. Entón a Antía ocorreuselle unha idea: facer vomitar ó monstro.
-Excelente idea! –dixen eu. Pero… como o faremos?
-Moi fácil! Rascámoslle na gorxa –contestou Antía.
Puxémonos os tres a rascarlle na gorxa ó monstro e de repente sentimos que viña cara a nós un líquido. Era o vómito! Por un pouco quedamos sen respiración, pero cando a recuperamos xa estabamos fóra do dinosaurio.
Comezamos a chamar polos mestres que rápidamente apareceron xunta nós ansiosos por saber o que nos pasara. Traían os nosos esquís, puxémolos e pasamos a tarde esquiando, o que nos axudou a traquilizarnos despois da aventura que acababamos de vivir.
Cando volvemos ás nosas casas, miña nai preguntoume que tal me fora na excursión e eu díxenlle: “foime do máis especial”.

AUTOR: Brais Pérez Fernández 6º EP

UNHA VIAXE SÓ DE IDA

Era xoves, lémbrome porque había Educación Física e levei chándal, e como había excursión non tiña por que levalo.
Normalmente había pouca organización, pero aquel día, foi un desastre: a nave chegou tarde, os tubos de comida ían xustos e, por primeira vez na miña vida, quedei con fame.
Chámome Antía, e son membra do EQUIPO A. Andrea, Anxo e eu sempre imos xuntos a todas partes. Parecemos os tres mosqueteiros!
Nesta excursión só se podía ir de dous, pero como os profesores xa nos coñecían permitíronnos ir os tres no mesmo grupo.
Na nave había que estar calados, porque senón, as ondas das nosas voces chegarían ao exterior, retumbarían na chapa da nave e provocarían turbulencias, moi incómodas, por certo.
Como non podiamos falar comecei a pensar e a facerme preguntas: Como sería Marte? Como serían os marcianos? Estarían máis, ou menos evolucionados ca nós?.....
Non tiña resposta para ningunha das preguntas por iso estaba tan ansiosa por chegar.
Quedaba moito tempo aínda, pois a viaxe duraba cinco anos luz e só pasara un, desde que sairamos da burbulla-instituto. Porque, si, precisabamos un lugar que nos protexera, onde o aire do exterior non entrara, pero o do interior si poidera saír.
O noso planeta estaba tan contaminado, que era imposible poder respirar sen levar unha bombona de ousíxeno ás costas.
Na nave había un ciber-periódico; xa case ninguén sabe ler, por iso este medio de comunicación consiste en contar noticias a través dun vídeo. A noticia estrela era: INVENTOUSE UNHA NOVA PLAYSTATION. (Creo que xa imos pola 210). “Fai o mesmo que as demais, só que é a que está de moda”.
Que absurdos somos os humanos! Levaba todo o camiño pensando niso! E … ala! Sen darme conta xa chegaramos.
Baixei da nave e mirei ó meu arredor, Marte era incrible! Había neve! (cousa que xa desaparecera no noso planeta), había ousíxeno para respirar sen ningún problema, había gravidade, pero… non había persoas. Pregunteille á mestra por elas pero non me respondeu.
Entón falei con Anxo e con Andrea e entre os tres planeamos a nosa propia excursión.
Distanciamonos do grupo, pero a mestra pillounos.
-A onde ides volos tres? –a voz da mestra era firme e cortante.
-A ver aos marcianos.- Andrea era así de inxenua, a verdade, nunca a vira mentir.
-Como que a ver aos marcianos? Xa sabedes que temos prohibido facer amizade cos de fóra do planeta.
-Mestra, sei que non queres que os vexamos pero… -tratei de explicarme.
-Pero nada, son atrasados e pouco sociables. Xuntádevos cos demais agora mesmo se non queredes que vos caia un castigo exemplar! Ademais, dentro dun pouco imos ir esquiar. Non diciades que vos gustaba moito?.
-Si –contestamos os tres de mala gana.
Cando todos estaban esquiando marchamos de novo e desta vez ninguén se decatou da nosa desaparición.
Descubrimos un val moi bonito e…. cheo de casas! Eran de tonos claros o que contrastaba moito coa cor da terra do planeta. Entón vimos saír a alguén dunha das casas. Era de estatura normal, parecido a nós… deuse volta … só tiña un ollo!. E, non era porque lle quitaran o outro senón que só tiña unha conca e nela estaba aquel único ollo.
Viunos e achegouse a nós e como vimos que tiña traza de ser pacífico non nos asustamos moito. Invitounos a entrar na súa casa.
-Ola, vosotros vir á miña casa.
O que nos fascinaba era a mistura de linguas que empregaba.
-Verá señor, é que a nós non nos permiten entrar nas casas dos descoñecidos –explicouse Anxo.
-Nós tampouco deixar ós nosos fillos. Pero vós vir, tenemos que recibir ben aos extraplanetarios.
-Ben, iremos –contestamos os tres movidos pola curiosidade de saber o que habería dentro da casa.
Comprendín que a mestra nos mentira. Estivemos bastante tempo na casa daquel home que nos tratou con toda amabilidade e, cando nos decatamos do tarde que era, volvemos a onde estaba a nosa nave non sen antes despedirnos do señor e da súa divertida familia. Oímos, ó lonxe, as voces dos nosos compañeiros:
-Por que terán tan mala cabeza eses tres? ANTIAAA, ANXOOOO, ANDREAAAA! Non podemos esperar máis, se non queremos ter problemas na viaxe de volta.
Comprendemos que era a hora de decidir: quedar en Marte, vivindo como se vivía hai tempo na Terra, ou volver á Terra vivindo como se vivía hai anos en Marte.
Creo que se nos deron por desaparecidos, xa sabedes o que decidimos.

AUTORA: Eva Negro Vázquez 1º ESO

DESAPARECIDOS EN MARTE

Se alguen está lendo estas páxinas, será sinal de que o meu sacrificio non foi inútil, pois servirá para provocar en min unha ráfaga de esperanza.
Comezo a escribir estas liñas, obsesionada polo paso implacable dos minutos. Algo teño que facer durante esta curta espera, mentres agardo que veña a noite e traia consigo o horror que xa adiviño. Pode que sexa unha parvada gastar este tempo escribindo, sen buscar a maneira de ofrecer resistencia, se é que a hai. Pero, como non aproveitar estas breves horas para contar a razón do meu espanto?.
Todo comezou a día da excursión. ¡Iamos ir á neve a Marte!, unha experiencia única para calquera ser humano. Eu, Antía, emparelleime, loxicamente cos meus mellores amigos: Andrea e Anxo. Estamos moi unidos, por iso os nosos compañeiros nos chaman “O EQUIPO A”.
Unha vez na nave espacial, poidemos contemplar esa enorme esfera ardente chamada Sol e todos eses planetas de vivas cores. Había tamén un montón de asteroides en órbita entre Marte e Júpiter, e os meus compañeiros aproveitaron para sacar fotos. Pero, a min o que me tiña abraiada eran as rochas avermelladas que decoraban o Planeta Vermello.
Chegamos a en Marte, todos os meus compañeiros se divertían: uns xogaban a pelexas de bólas de neve, outros patinaban….. e, de pronto, puiden observar, no ceo, un obxecto moi resplandecente que se achegaba. Semellaba ser unha nave. Achegueime para vela mellor, mais sen darme conta, xa estaba ó pé dela. Unha potente luz deslumbrábame e, por arte de maxia, aparecín dentro da misteriosa nave. Ninguén se dera conta da miña ausencia. Ninguén, menos os meus mellores amigos: Anxo e Andrea, que me seguiron, infectados tamén pola curiosidade. Pero, xa era demasiado tarde para dar marcha atrás. Dous extraterrestres apareceron ante nós. O rostro de Andrea ensombrecíase conforme pasaban os minutos ó tempo que un intenso desacougo se ía apoderando dela. Anxo estaba ríxido como se se lle descargara o corazón pola angustia que o atenazaba. Unha opresión moi forte foi aniñando no meu peito.
Xa máis tranquila, explorei o interior da nave e comprobei que estaba chea de obxectos tecnológicos. Detívenme diante dunha maquina daquelas ó ver que tiña un letreiro que dicía: MÁQUINA TRANSPORTADORA. Aquilo podía ser a nosa salvación pero había un problema: só cabía nela unha persoa.
Agora cando remato esta nota, penso que podería fuxir de aquí, pero iso significaría deixar ós meus amigos abandonados á súa sorte. Así que só me queda esperar e tratar de atopar outra solución, aínda que o que estou a escribir só sexa produto dun obsesivo pesadelo, pero iso xa é outra historia.

AUTORA: Rebeca Rey 2º ESO

EXCURSIÓN Á NEVE ESPACIAL

O home iniciou a súa saída polo espazo un día de abril de 1961, cando o piloto Yuri Gagarin deu a volta á Terra nunha hora e corenta minutos a bordo dunha cápsula espacial.
Só hai 300 anos que coñecemos a existencia do espazo exterior. Viaxar e sobrevivir no espazo require recursos técnicos avanzados. Os seres humanos precisamos ousíxeno para respirar e protección contra as radiacións e temperaturas extremas, a falta prolongada de gravidade pode provocar confusión mental, o deterioro do sangue e a descalcificación dos ósos. Actualmente hai uns 300 satélites activos xirando ó redor da Terra e estanse proxectando estacións espaciais permanentes que servirán como
¡EXCURSIÓN Á NEVE ESPACIAL!
O concello de O Pino está a organizar unha excursión moi curiosa, nada máis e nada menos ca nun transbordador espacial, con destino á neve en Marte. A viaxe efectuarase no mes de febreiro. As persoas interesadas deberán inscribirse no concello de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas.
-Guai! Que interesante resulta isto, vou chamar ó resto do “Equipo A”.
-Anxo, liches a noticia que ven no xornal?.
-Si, e, por certo, xa avisei a Andrea e a ti, Antía, íate chamar agora.
-Que vos parece?
-Que… que nos parece? Fantástico! É unha oportunidade única; como haxa prazas libres, alá imos.
Xa estabamos viaxando polo espazo cando visualizamos unha cousa enorme flotando no aire. Preguntámoslle ó guía que era aquilo, e explicounos que era unha estación espacial. Eu quedei marabillada, porque as cousas do espazo sempre me chamaron moito a atención e lía moitas noticias sobre o mundo exterior e novelas de extraterrestres e de astronautas.
Todos estabamos desexosos de chegar e, unha vez alí, puxéronnos traxes espaciais para poder saír, pois de non poñelos escapariamos flotando.
Cando saímos ó exterior quedamos mirando uns para os outros moi sorprendidos; aquela neve non era branca ¡era vermella!.e estaba chea de pedras. Como iamos esquiar alí? As vinte persoas do grupo faciámonos a mesma pregunta. Andrea, Anxo e eu preguntámoslles ós organizadores se podiamos explorar polos arredores. Déronnos permiso pero dixéronnos que ían facer algo moi divertido. Nós dixémoslles que volveriamos axiña.
Cando xa levabamos un anaco andando, vimos uns buratos enormes. Achegámonos e vimos que estabamos nunha zona de volcáns e todos eles cuspían neve. Alí si que había auténticas pistas de esquí!
Acordamos ir avisar ós demais pero cando nos quixemos volver non había ningún camiño despois de moito buscar, xa estabamos convencidos de nos ter perdido, comezaron a saír polas bocas dos volcán…. os nosos compañeiros de excursión! e… o máis curioso, saían cos esquís postos e, esvarando a toda velocidade pola neve, ían caer ó asento do transbordador espacial.
Oín que me chamaban Antía! Antía!. Cando me dispoñía a ir, espertei, erguinme do sofá e recollín o xornal do chan.

AUTORA: Susana Seijo Duro 3º ESO