22/6/09

Excursión fin de curso 2008/2009



Xa estamos de volta da viaxe de fin de curso 2008/2009. O noso destino era Lloret de Mar pero aproveitamos para visitar Barcelona (o acuario, o barrio gótico, o parque Güell, a Sagrada Familia...) e Port Aventura (o dragon khan, o huracán cóndor, a estampida, os rápidos...).
Todos sen excepción (os alumnos: Bianca, Cristina, Iria, Mila, Noris, Raquel S., Raquel V., Rocío, Choli, Daniel, José Manuel, Rubén, Sergio e Suso; e os profesores: Amelia e Anxo) gozamos da viaxe e pasámolo moi, moi, moi ben.
Agora non nos queda máis que despedirnos daqueles que marchan:

Saúde e sorte compañeiros!

21/5/09

Concurso Luís Seoane

Xa foron seleccionados os premiados no Concurso Luís Seoane tanto de relato como de debuxo.

Os gañadores do concurso de relato 2008/2009 foron:

6º EP BRAIS PÉREZ FERNÁNDEZ, “Unha excursión especial”
1ºESO EVA NEGRO VÁZQUEZ, “Unha viaxe só de ida”
2ºESO REBECA REY CARBALLO, “Desaparecidos en Marte”
3ºESO SUSANA SEIJO DURO, “Excursión á neve espacial”
4ºESO CRISTINA BLANCO SUÁREZ, “A excursión a Marte

Os gañadores do concurso de debuxo 2008/2009:

Infantil Clase de 3 anos (que ilustrou “Unha excursión especial”)
1ºciclo David Ferreiro Raña (que ilustrou “Excursión á neve espacial”)
2ºciclo María Mosteiro Suárez (que ilustrou “Desaparecidos en Marte”)
3ºciclo Marta Carreira Vázquez (que ilustrou “Unha viaxe só de ida”)

Grazas por participar a todos e noraboa aos premiados.

15/5/09

Ramón Piñeiro

A Terra do Sentimento


O tramo final do noso percorrido desenvolveuse en Rianxo, a Terra do Sentimento. Fogar de grandes escritores: Castelao, Manuel Antonio, Dieste... e tamén dun gran compañeiro do centro, Xosé Tubío, que nos fixo de guía por esta fermosa vila.

Primeiro demos un paseo por toda a vila parándonos nas casas dos tres escritores (que desgraciadamente non se poden visitar), na Igrexa da Virxe de Guadalupe e observando as típicas casas mariñeiras.


Tamén aproveitamos para visitar as instalación dun estaleiro (o mellor segundo algúns dos rapaces) e o Museo do mar.

Visita á Fundación Camilo José Cela

Aproveitando que estabamos en Padron tamén visitamos a Fundación Camilo José Cela...

Alí regaláronnos dous libros a cada un: un exemplar da Constitución española e unha obra de Camilo José Cela a escoller entre varias.

17/3/09

Visita á Casa-Museo de Rosalía de Castro


O pasado 17 de marzo fomos visitar a Casa-Museo Rosalía de Castro.
Para moitos foi "revisitar" porque xa acudiran en anos anteriores, pero era unha visita obrigada que non queriamos deixar pasar.
Alí percorremos as distintas dependencias e contestamos a un cuestionario elaborado para tal ocasión e, finalmente, limos algúns poemas da autora.

12/3/09

Saída á Coruña

O 17 de febreiro fomos de excursión á Coruña con varios puntos de atención.
Comezamos cunha visita á rúa Tabernas. Aquí no mesmo edificio estivemos na Casa-Museo de Emilia Pardo Bazán e na Sede da Real Academia Galega.



Despois percorremos a Fundación Luís Seoane, onde contemplamos unha exposición sobre Sargadelos (O Laboratorio de Formas 40 anos despois).

Pola tarde a cita foi no MACUF (Museo de Arte contemporánea Unión Fenosa). Alí visitamos a exposición de fotografía de Simon Norfolk e elaboramos un par de vídeos.



11/3/09

O Cine (2). Angulacións e movementos da cámara

Angulacións da cámara


Normal: o ángulo da cámara é paralelo ao chan.
Picado: a cámara sitúase por riba do obxecto ou suxeito mostrado, de xeito que este se ve desde arriba.
Contrapicado: oposto ao picado.
Nadir: a cámara sitúase completamente por debaixo do personaxe, nun ángulo perpendicular ao chan.
Cenital: a cámara sitúase completamente por encima do personaxe, nun ángulo tamén perpendicular.
Plano holandés: Cando a cámara está lixeiramente inclinada, polo regular a un ángulo de 45 graos. Isto demostra inestabilidade.

Movementos da cámara


Trávelling: a cámara desprázase cara a diante, cara a atrás ou cara aos lados.
Paneo: a cámara permanece fixa pero xira horizontalmente sobre o seu eixe.
Zoom: Efecto de achegamento ou afastamento da imaxe.

O Cine (1). Planos

Tamaños de plano



Plano panoramico: mostra un gran escenario ou unha multitude. A persoa non está ou queda diluída no contorno. Ten un valor descritivo e pode adquirir un valor dramático cando se pretende destacar a soidade ou a pequenez do home fronte ao medio.

Plano xeral: mostra un escenario amplo no cal se incorpora a persoa. Ten un valor descritivo de persoas ou un ambiente determinado. Interesa a acción e a situación dos personaxes. Ten un valor descritivo, narrativo ou dramático.

Plano enteiro: cando os límites superior e inferior do cadro case coinciden coa cabeza e os pés. Ten un valor narrativo e dramático.

Plano medio: Presenta a figura humana cortada pola cintura, de medio corpo para arriba. Ten un valor expresivo e dramático, pero tamén narrativo.

Plano medio curto: mostra a figura humana (busto) desde o peito ata a cabeza.

Primeirísimo primeiro plano (close up): mostra unha parte da figura humana desde moi cerca (unha man, un ollo, a boca etc)

Primeiro plano (big close up): vai desde os ombros cara a arriba.

Plano detalle: céntrase nun obxecto de cerca (un bolígrafo, un espertador etc.).

Plano americano: tamén denominado 3/4, ou plano medio longo, recorta a figura polo xeonllo aproximadamente. É óptimo no caso de encadrar a dúas ou tres persoas que están interactuando. Recibe o nome de "americano" debido a que este plano apareceu ante a necesidade de mostrar os personaxes desenfundando os seus revólveres nos westerns americanos.

Plano de Situación: pode ser de lugar ou temporal e emprégase para localizar a acción tanto temporal como espacialmente.

Atrévete a localizar estes planos no seguinte fragmento de Sólo ante el peligro (High noon, 1952), de Fred Zinnemann.

27/2/09

Namorados da lectura

Despois da paz chegou o amor...
E o noso amor está vencellado aos libros, ás lecturas, de aí o lema escollido para a exposición que, co gallo do 14 de febreiro, montamos no CPI Camiño de Santiago: "Namorados da lectura".
Cun único tema seleccionamos textos en distintas linguas e adaptados a diferentes niveis educativos e o resultado foi o seguinte:

Día da paz

Con motivo da celebración o pasado 30 de xaneiro do Día escolar da paz e da non violencia levamos a cabo unha serie de exposicións.
O alumnado de 3º ESO participou activamente nunha exposición na que se recollían algúns dos conflitos bélicos que persisten na actualidade: Palestina e Israel, Chad e Sudán, Sri-Lanka, Somalia, República Centroafricana, Turquía, Etiopía, Georgia, Alxeria, Birmania, Filipinas, Congo, Iraq, Nixeria, Afganistán, etc.


Por outra banda tamén expuxemos unha relación de persoas galardoadas co Premio Nóbel da Paz. Os alumnos debían identificalos e, nalgún caso, asignarlles a frase que lles corresponde.


Finalmente o 6 de febreiro contamos coa presenza do Doutor Mohamed Safa, que nos deu unha charla sobre o conflito palestino.

3/2/09

Neotrobadorismo

Seguimos traballando na clase coa poesía e os alumnos de 4º ESO elaboraron unhas composicións a partir do neotrobadorismo.



Lembremos que esta liña anovadora consiste en empregar esquemas métricos e técnicas medievais como o paralelismo, o leixaprén ou o refrán con contidos innovadores, ou como dicía Álvaro Cunqueiro, un dos máis recoñecidos cultivadores do neotrobadorismo, trátase de verquer "viño novo en odres vellos".
Aquí van algúns exemplos:

-o primeiro moi centrado no formato.

Hoxe é día nove,
vaia como chove.
Que frío que vai!

Hoxe é día corenta,
vaia como venta.
Que frío que vai!

Vaia como chove,
parece que todo se move.
Que frío que vai!

Vaia como venta,
parece que ole a menta.
Que frío que vai!

Cristina Blanco Suárez

-o segundo máis centrado na temática.

Sabes onde está?
que o estou a buscar
Ai, amor onde andarás!

Isto xa é serio.
A noite está enriba del.
Ai, amor onde andarás?

Que o estou a buscar
dende pola mañá.
Ai, amor onde andarás?

A noite está enriba del
e el nin conta se dá.
Ai, amor onde andarás?

Raquel Suárez Carneiro

- o terceiro máis actual.

Labrego

Triste loucura de amencer
xa que os apeiros tes que coller.
O espiñazo tes que dobrar e a cabeza baixar.

Queixar non te has de queixar
xa que ti mesmo vas sementar
O espiñazo tes que dobrar e a cabeza baixar.

Xa que os apeiros tes que coller
non che queda outro remedio que te foder
O espiñazo tes que dobrar e a cabeza baixar.

Xa que ti mesmo vas sementar
non chores cando o cacique che vaia a porta petar.
O espiñazo tes que dobrar e a cabeza baixar.

Rubén Carneiro Budiño

29/1/09

Teatro en Santiago


O pasado 21 de xaneiro os alumnos de 3º e 4º da ESO acudiron ao Salón Teatro para presenciar a posta en escena polo Centro Dramático Galego da obra de William Shakespeare Noite de reis. Ou o que queirades.
Trátase da reposición dunha exitosa produción do CDG, dirixida por Quico Cadaval, onde mestura a comedia de Shakespeare con cancións de Adriano Celentano.

Nesta ocasión a valoración do alumnado achégase ao 9.

Saída a Cambados


A segunda saída organizada polo Departamento de Lingua Galega foi o 18 de novembro a Cambados, en colaboración co Departamento de Física e Química.
Con vista a que o 2009 é o ano de Ramón Cabanillas (cúmprese o centenario do seu nacemento), fomos visitar a Casa museo deste poeta en Cambados. A experiencia foi un pouco decepcionante xa que o espazo era moi reducido e estaba acondicionado con poucos obxectos da época do autor: unha máquina de escribir, unha mesa, unha cadeira e unha pucha.

Aproveitamos a viaxe para coñecer o Museo do viño e un interesante muíño de marea (Muíño da Seca), ademais de visitar as instalacións da Adega Martín Codax.
A valoración media do alumnado foi dun 7.

28/1/09

Día da Constitución

Tamén quixemos celebrar o Día da Constitución (o 6 de decembro) engadindo a este evento un recordatorio dos nosos estatutos: o fallido Estatuto de 1936 que non chegou a entrar en vigor por mor da Guerra Civil,e o Estatuto de 1981, vixente na actualidade.

Tomando como base esta pequena exposición traballamos co alumnado unha serie de cuestións da historia da lingua galega e da situación da lingua na sociedade actual.
O cuestionario consistía nas seguintes preguntas:

1.En que se distinguen o Estatuto e a Constitución?

2.De que ano é o primeiro Estatuto de Galicia?
3.Cando foi o plebiscito polo estatuto?
4.Cales foron os resultados?
5.Cita seis autores do cartelismo a prol do Estatuto.
6.Copia os lemas que figuran nos carteis promocionais do primeiro Estatuto? A que realidade fai referencia cada un deles?
7.Quen deseñou a portada da 1ª edición do Estatuto de Galicia?
8.Que se di sobre o galego no primeiro Estatuto?
9.Que materias se crean no ensino co primeiro Estatuto?

10.De que ano é o Estatuto de Galicia actual?
11.Que se di sobre o galego no Estatuto vixente?
12.Quen aproba o Estatuto?
13.Quen sanciona o Estatuto?
14.Como son os símbolos galegos?
15.Quen son os autores do Himno galego?
16.Que simbolizan as sete cruces do escudo galego?

17.Quen sanciona a Constitución republicana?
18.De que ano é a Constitución vixente?
19.Quen aproba a Constitución?
20.Quen ratifica a Constitución actual?
21.Que se di sobre o galego na Constitución?
22.Como son os símbolos españois?
23.Que representan os catro carteis nos que se divide o escudo español?

24.En que circunstancias se redactou a Constitución actual? Por que era necesaria?
25.Cal é a diferenza entre o sistema político establecido na Constitución da IIª República e na Constitución actual?
26.Cales son as diferenzas na ordenación do territorio entre as dúas constitucións?
27.Destaca os dereitos que che parezan máis importantes na constitución vixente?

27/1/09

Día do peón




Outra actividade na que participamos xunto co Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística foi na celebración do Día do peón o 11 de novembro, unha proposta de Brinquedia.
Todo comezou cunha comilona que incluía magosto e despois unha xornada de xogos populares.


Os gañadores en facer bailar o peón foron os alumnos de 1ºA.


4ºA foron os campións de corda.

Saída a San Simón



A primeira das saídas literario-culturais deste curso tivo lugar o 28 de outubro. En colaboración co Departamento de Xeografía e Historia visitamos a Illa de San Simón, o Museó Massó (en Bueu) e o Museo Verbum. Casa da palabra (en Vigo).



Foi un día moi intenso e moi movido, pero satisfactorio.
A valoración media do alumnado foi dun 8.5

Caligramas

Queremos que esta páxina sirva de escaparate de todo aquilo que facemos dende o departamento de Lingua Galega e Literatura, tanto do traballo dentro das aulas como das saídas culturais.
Sirva esta mostra de caligramas elaborados por alumnas de 4º da ESO a partir do estudo na clase das vangardas literarias en Galicia como primeiro aperitivo. Agardamos que vos gusten.

Cristina Blanco Suárez

Noris Núñez Rodríguez

Raquel Suárez Carneiro