27/2/09

Namorados da lectura

Despois da paz chegou o amor...
E o noso amor está vencellado aos libros, ás lecturas, de aí o lema escollido para a exposición que, co gallo do 14 de febreiro, montamos no CPI Camiño de Santiago: "Namorados da lectura".
Cun único tema seleccionamos textos en distintas linguas e adaptados a diferentes niveis educativos e o resultado foi o seguinte:

Día da paz

Con motivo da celebración o pasado 30 de xaneiro do Día escolar da paz e da non violencia levamos a cabo unha serie de exposicións.
O alumnado de 3º ESO participou activamente nunha exposición na que se recollían algúns dos conflitos bélicos que persisten na actualidade: Palestina e Israel, Chad e Sudán, Sri-Lanka, Somalia, República Centroafricana, Turquía, Etiopía, Georgia, Alxeria, Birmania, Filipinas, Congo, Iraq, Nixeria, Afganistán, etc.


Por outra banda tamén expuxemos unha relación de persoas galardoadas co Premio Nóbel da Paz. Os alumnos debían identificalos e, nalgún caso, asignarlles a frase que lles corresponde.


Finalmente o 6 de febreiro contamos coa presenza do Doutor Mohamed Safa, que nos deu unha charla sobre o conflito palestino.

3/2/09

Neotrobadorismo

Seguimos traballando na clase coa poesía e os alumnos de 4º ESO elaboraron unhas composicións a partir do neotrobadorismo.



Lembremos que esta liña anovadora consiste en empregar esquemas métricos e técnicas medievais como o paralelismo, o leixaprén ou o refrán con contidos innovadores, ou como dicía Álvaro Cunqueiro, un dos máis recoñecidos cultivadores do neotrobadorismo, trátase de verquer "viño novo en odres vellos".
Aquí van algúns exemplos:

-o primeiro moi centrado no formato.

Hoxe é día nove,
vaia como chove.
Que frío que vai!

Hoxe é día corenta,
vaia como venta.
Que frío que vai!

Vaia como chove,
parece que todo se move.
Que frío que vai!

Vaia como venta,
parece que ole a menta.
Que frío que vai!

Cristina Blanco Suárez

-o segundo máis centrado na temática.

Sabes onde está?
que o estou a buscar
Ai, amor onde andarás!

Isto xa é serio.
A noite está enriba del.
Ai, amor onde andarás?

Que o estou a buscar
dende pola mañá.
Ai, amor onde andarás?

A noite está enriba del
e el nin conta se dá.
Ai, amor onde andarás?

Raquel Suárez Carneiro

- o terceiro máis actual.

Labrego

Triste loucura de amencer
xa que os apeiros tes que coller.
O espiñazo tes que dobrar e a cabeza baixar.

Queixar non te has de queixar
xa que ti mesmo vas sementar
O espiñazo tes que dobrar e a cabeza baixar.

Xa que os apeiros tes que coller
non che queda outro remedio que te foder
O espiñazo tes que dobrar e a cabeza baixar.

Xa que ti mesmo vas sementar
non chores cando o cacique che vaia a porta petar.
O espiñazo tes que dobrar e a cabeza baixar.

Rubén Carneiro Budiño